lunes, 15 de abril de 2013

O lápis no clavicémbalo (reacción para clase)


Gotas de chuvia incesantes golpeaban os finos cristais de aquela enorme casa. O aire estaba cargado de humidade, e as escuras nubes cubrían o ceo de maneira que case parecía de noite.
Florencio Bouza levantouse do sofá no que estaba tomando un vaporoso café e se acercou ás embazadas ventás. Andou lentamente,  tiña as pernas entumecidas polo frío. O xardín estaba inundado, as súas fermosas flores, que con tanto xeito e amor criara, xacían cubertas de barro, machucadas pola pesada chuvia. A roseira ficaba inerte, rodeada por un chan cheo de pétalos mollados e esparexidos, como chorando á morte das súas flores. Florencio Bouza observaba esta paisaxe cun aire de indiferenza, como se realmente non lle importase ver nesas condicións ás súas amadas criaturas. Nos seus ollos se distinguía un brillo de melancolía, como se unha profunda morriña o azoutase por dentro. Deuse a volta e volveu cara o sofá, onde o esperaba o xa frío café. Pero  Florencio Bouza non se sentou, senón que seguiu camiñando, ata saír daquel solitario salón.
Coa vista perdida, case de forma automática, chegou a unha pequena saliña escondida nun canto da gran casa, onde o aire ulía a libros vellos, po e tinta. A súa amada biblioteca. Recorreu os estantes de libros coa vista, coma se buscase algo, pero sen buscar, paseando dun lado a outro da pequena sala, cun movemento monótono, cunha lixeireza e axilidade tal que semellaba estar bailando un baile xa fai moitos anos aprendido, como unha rutina sinxela sen a que non podería vivir. O baile terminou tan sutilmente coma empezou, e Florencio Bouza sentou na pequena mesa que adornaba o centro da sala sen ningún libro entre as mans. Ficou quieto, coas mans sobre a mesa e coa mirada aínda perdida no inmenso mundo da súa imaxinación, ou quén sabe onde. Lentamente pareceu enfocar a vista cara outra mesa que descansaba nunha esquina, escondida por unha densa sombra. Levantouse e acercouse a ese lugar sombrío, andando con tanta lixeireza que semellaba voar. Nos seus ollos brillaba máis que nunca esa profunda melancolía. Sentou nun pequeno banco que había fronte á extraña mesa. Tiña un coxín recuberto de veludo vermello, e cunhas patas talladas con tanta sutileza que parecía realmente que a madeira da que estaban feitas nacera con esa forma. A vista de Florencio Bouza estaba agora fixa naquela mesa tamén tallada, a conxunto coa bancada. Inesperadamente, Florencio Bouza agarrou o moble pola parte que tiña enfronte, e tirou cara arriba cunha forza que semellaba non ter. Tras uns momentos de incesante pero delicado forcexo, a tapa levantouse, moi pouco a pouco, ata que descubriu un fermoso clavicémbalo con numerosos detalles na madeira, así como fermosas e delicadas pinturas de árbores en flor. Florencio Bouza pousou a poeirenta tapa no chan coidadosamente, e na sala non se escoitou referencia algunha a que esta tocara o chan, tan só se escoitaba a respiración daquel home, en cuxos ollos agora bailaba case alegre unha triste  melancolía.
Ficou uns instantes así, quieto, paciente, deleitándose coa vista das fermosas curvas de tan espléndido artefacto. Os seus ollos o recorrían calmados, sen presa, como admirando cada centímetro daquela marabilla que non se atrevía nin a rozar. A medida que a súa vista se acercaba ao teclado, a súa respiración axitábase, rompendo a harmoniosa monotonía,transformándoa nunha alegre canción que ía in crescendo, dando indicios da existencia dunha emoción que padecía encarcerada dende facía xa moitos anos.
Os seus dedos se deslizaron polo teclado, febles, trementes, acariciando as teclas coma se fosen delicados cadros que pretendía admirar. Pechou os ollos, gozando de aquel tacto que tanto botara de menos. O seu corazón latexaba tan forte que no silencio da sala se podía escoitar o seu eco, case ronco, coma se fose un motor que levaba anos sen funcionar. Sen querer, apoiou a man nunha tecla, e un agudo la recorreu o silencio da sala, chegou ata a cociña, subiu ata os baleiros dormitorios e fixo vibrar cada centímetro de soidade. O eco do corazón de Florencio Bouza deixouse de escoitar por un instante, e cando o la se extinguiu, este xa latía coma de fose unha locomotora, como as que lle gustaban tanto a el de pequeno, como a que lle regalara ao seu fillo ao cumprir os oito anos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario